Baltar protagonista sobre iniciativas para o reto demográfico
Manuel Baltar analizará en Madrid xunto ao Goberno de España e a International Business School, as propostas que se estudan impulsar, nos ámbitos tecnolóxico, sociolóxico, cultural e do emprego para facer fronte ao depoboamento do rural e reactivar os concellos rurais
ondacero.es
Ourense | 14.01.2019 10:09 (Publicado 14.01.2019 10:05)
A provincia de Ourense destaca o seu liderado e iniciativa a prol de medidas que permitan facer fronte ao reto demográfico para contribuír a dinamizar os concellos do rural. Así o reflicte o debate estatal sobre iniciativas para reto demográfico, que a International Business School -entidade presidida polo xornalista Manuel Campo Vidal-, organiza en Madrid e no que Ourense será a provincia que dará voz ás reflexións, problemáticas e iniciativas que desde o ámbito provincial se suscitan para promover unha maior dinamización e fixación de poboación no rural. Unha preocupación que o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, vén situando na axenda do debate nacional e internacional en todos os foros nos que participan, tanto como máximo representante provincial como desde Partenalia, a organización europea de gobernos provinciais, que preside, e como vicepresidente da CEPLI, a Confederación Europea de Poderes Locais Intermedios, a primeira e maior rede de cooperación territorial europea, integrada por asociacións de provincias de oito estados de la Unión Europea, ademais dos 40 territorios europeos que integran Partenalia e Arco Latino.
“En todos os ámbitos é necesario incidir no reto demográfico desde unha perspectiva de favorecemento cara aos municipios do rural”, explica Manuel Baltar, quen defenderá en Madrid o vindeiro 31 de xaneiro, nesta mesa de debate, xunto á comisionada do Goberno fronte ao reto demográfico, Isaura Leal, e ao xornalista Manuel Campo Vidal, presidente da International Business School, “a importancia de que a política de cohesión e o financiamento que a Unión Europea dedica ao ámbito social incremente recursos económicos para desenvolver proxectos "demográficamente efectivos”, que afonden na problemática desde unha perspectiva estrutural, achegando plans específicos de emprego rural, beneficios fiscais para as empresas que se asenten nestes territorios, e que se implementen novos servizos, acordes coas necesidades da poboación, nesta era onde a tecnoloxía e a innovación tanto participan das nosas vidas”, afirma Baltar.
Persoas, non estatísticas
Manuel Baltar destaca a idoneidade e practicidade que supón un debate entre o Goberno de España e o ámbito académico, “contando coa visión dunha provincia, Ourense, que se ten significado nos últimos tempos polo seu liderado en materia de innovación tecnolóxica no ámbito da xestión dos servizos públicos, poñendo en marcha iniciativas, como a de “Provincia Intelixente”, que van na liña de manter ese necesario equilibrio entre tradición e modernidade do rural, pero coa mellora dos servizos e a eficacia dos mesmos, porque non se trata só de analizar o debate demográfico pensando en números (habitantes) senón no territorio; o rural faise con persoas, non con estatísticas, e para acadar medidas eficaces contra o despoboamento cómpre ter en conta aspectos como a mobilidade, as infraestruturas ou os servizos sociais, os cales non deben desenvolverse en termos de cantidade senón de calidade”.
Tamén lembra Baltar “o carácter decisivo e fundamental” que terá para a provincia de Ourense a próxima chegada da Alta Velocidade e que xa está a ter o impulso que o goberno provincial da ao termalismo con plan “Ourense, a provincia termal”, única iniciativa deste tipo en España, que a Deputación de Ourense desenvolve coa Xunta de Galicia, e que está a supoñer unha importante promoción para a “marca Ourense”, e para a competitividade do sector termal e do turismo na provincia ourensá.
“Os gobernantes temos a función de favorecer solucións para os servizos públicos -defende Baltar-, e o demográfico e, sen dúbidas, o maior reto ao que se enfrontan as sociedades desde os tempos da Revolución Industrial, un desafío ao que debemos facer fronte con iniciativas “posibles e realizables” pero tamén coa máxima celeridade. Da concienciación debemos pasar xa á acción”.
A xornada de debate contará, asemade, coa participación da comisionada do Goberno fronte ao reto demográfico, Isaura Leal, quen coincide con Manuel Baltar en que o reto demográfico non admite máis demoras, e que é preciso ir equilibrando a vida entre os territorios despoboados e os que contan con maior poboación. O reto da comisionada é o de levar a cabo unha estratexia nacional para acadar o equilibrio na pirámide poboacional, integrando actuacións da Administración Xeral do Estado e as que resulten da colaboración entre as demais administracións públicas.
Os principais axentes implicados no reto demográfico daranse cita o vindeiro 31 de xaneiro en Madrid, na sede da Internacional Business School, unha xornada na que tamén participará o presidente desta entidade, Manuel Campo Vidal, quen se vén significando por impulsar un debate multidisciplinar no que participen todos os sectores relacionados con esta problemática, para achegar solucións consensuadas e plurais para dar resposta ao reto demográfico. Unha xornada, como defende Manuel Baltar, “que nos permitirá debater cos principais axentes implicados no reto demográfico en España as medidas que a curto e medio prazo é necesario desenvolver para revitalizar as zonas rurais”, afirma.
O debate demográfico é un punto imprescindible na axenda política e social, e por elo a Cátedra do Reto Demográfico, que impulsa a International Business School comezou o pasado mes de decembro a súa andaina cun foro que contou coa participación de Luis Planas, ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, xornada na que tamén estiveron representadas institucións e organizacións como a Rede Española de Desenvolvemento Rural e a Asociación de Municipios de Montaña. Neste ámbito, estase a impulsar tamén a creación dunha rede de periodistas especializados na materia, que contribúa a promover na sociedade a sensibilización necesaria para que a implicación na problemática demográfica sexa máxima.
Potenciar o debate demográfico
A xornada do vindeiro 31 de xaneiro, con Manuel Baltar, Isaura Leal e Manuel Campo Vidal incidirá, precisamente, na liña de potenciar o debate demográfico a prol do rural, para que administracións e entidades traballen con eficacia e celeridade nas políticas económicas e sociais que favorezan a tan necesaria dinamización dos municipios rurais.
Neste sentido, recentemente Manuel Baltar mantivo unha reunión de traballo con Manuel Campo Vidal, na que determinaron que a Deputación de Ourense e a International Business School desenvolverán iniciativas no marco da Cátedra sobre o reto demográfico, que a IBS impulsa no ámbito nacional, no que atinxe ao ámbito formativo e investigador da realidade demográfica. Baltar puxo en coñecemento do presidente da IBS os programas postos en marcha pola Deputación de Ourense en materia demográfica, como o Plan de apoio á natalidade e proxectos relevantes como o Observatorio do Rural, tema este sobre o que Campo Vidal amosou o seu interese en participar aportando todo o coñecemento que a cátedra porá en valor, contando coas achegas dos mellores especialistas de España en cuestións demográficas.