Allariz acollerá, do 26 de setembro ao 12 de outubro, unha nova edición das Xornadas de Carne de Boi – Concello de Allariz, que este ano alcanzan a súa XIV edición, consolidándose como unha cita gastronómica de referencia no calendario outonal de Allariz.
Nesta edición de 2025 participan 21 establecementos locais, que ofrecerán unha ampla e variada proposta culinaria na que a exquisita carne de boi de Allariz (criados na finca de Valverde e propiedade de Okelan), será a protagonista. Os establecementos elaborarán tanto tapas (14 participantes) como menús e pratos especiais, adaptados a todos os petos e pensados para gozar da gastronomía local en todo o seu esplendor.
As tapas presentadas ao concurso competirán por ser elixidas polo público como a “Mellor Tapa 2025”, mediante votación popular entre as persoas que as degusten. O prezo das tapas será de 3€.
Un ano máis volverá o concurso “Papando no Boi”, co que se premiará a fidelidade da veciñanza de Allariz. A primeira persoa (con tarxeta cidadá) que consiga consumir as 14 tapas participantes recibirá un premio directo de 100 € para gastar no comercio local. Ademais, entre todas as cartillas completadas sortearanse:
· 1 vale de 250 € para gastar no comercio e na hostalaría local e 3 vales de 60 € entre aquelas cartillas con, polo menos, 5 tapas consumidas.

