José Manuel Freire Couto (Ourense, 1955) non se presentará ás eleccións municipais do próximo ano. Deixará a política tras 28 anos como alcalde de Barbadás. Farao despois de que, baixo o seu mandato, o municipio se convertese no de maior crecemento da provincia e, paralelamente, en habitual obxecto de polémica pola corrupción urbanística vinculada a ese desenvolvemento.
Freire Couto di que se vai porque cre que é o momento de «deixar paso a xentenova», pero non oculta o seu desencanto coa súa actual situación no PP. A súa intención era deixar xa a alcaldía antes das eleccións do ano 2011, pero «Baltar, ou pai, pediume que seguira». Terlle feito caso, segundo di, «foi un erro bestial» porque dende o 2011 ata agora os problemas xudiciais e fiscais perseguiron o rexedor. «Nontomei a decisión por iso, pero serviu para engadirllemáis rexeitamento á política», asegura José Manuel Freire Couto, que está imputado nunha investigación por corrupción urbanística e que recentemente tivo que facer fronte a unha multa a Facenda por non pagar todo o IRPF que lle correspondía. O alcalde confésase canso de estar «vilipendiado e criticado».
A raíz de que se fixesen públicas esas circunstancias, Baltar fillo (que dirixe o PP dende o 2010) empezou a acantoar ao rexedor de Barbadás e rematou por facelo dimitir do seu cargo de presidente do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico, un organismo dependente da Deputación. Lonxe quedan, polo tanto, os tempos nos que Freire Couto se converteu nun emblema do baltarismo. Érao, pero co pai, non co fillo. Despois de iniciar a súa carreira política no CDS xunto ao agora socialista Pachi Vázquez, fichou polo PP a principios dos noventa e converteuse nun dos homes de máis confianza de José Luis Baltar, que no ano 2005 premiou a súa fidelidade coa presidencia do Inorde, a mesma que no 2013 o retirou o seu fillo.
Tras iso, Freire Couto tivo que volver á súa profesión, a medicina, e conseguiu un traslado para exercer como facultativo no centro de saúde de Barbadás. O aínda alcalde asegura que non lle gustaría compatibilizar a política con esa actividade «porque vos votantes doutros partidos poden sentirse incómodos». Ademais, falto de apoios na dirección actual do partido, Freire Couto decidiu iniciar a súa retirada definitiva. A mellor escusa para facelo púxosea en bandexa o PP provincial, que convocou un congreso local do partido para o próximo día 19 de setembro. El, segundo anunciou, non se presentará ao conclave. A súa substituta á fronte do partido será, se non se presentan máis candidatos, Consolo Vispo Seara, que leva dous mandatos na corporación e actualmente ocupa a concellaría de Deportes.
A intención do alcalde era deixarlle xa o seu posto a esta edila, pero todo o grupo de goberno conseguiu convencelo de continuar ata as próximas eleccións municipais para garantir a estabilidade do Concello.